Thursday 02 de May de 2024

O Concello repartirá 3.345 euros en premios no concurso de disfraces de Entroido


● O desfile celebrarase o domingo 19 de febreiro ás 17 horas, con saída desde o polideportivo municipal.

● O prazo para inscribirse no concurso finaliza o xoves 16 de febreiro ás 14 horas.

O Concello de Cariño publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases para o concurso de disfraces do Entroido deste ano 2023, que repartirá 3.345 euros en total en premios para todas as categorías e que se celebrará o domingo 19 de febreiro.

A saída do desfile está prevista para as 17 horas desde o polideportivo municipal e terá o seguinte percorrido: polideportivo, cale Concepción Arenal, avenida Constitución, avenida Manuel Fraga e final na Praza Vermella. Na Praza Vermella será onde se dea a coñecer a decisión do xurado e fágase a entrega de diplomas e premios.

O prazo para inscribirse no concurso finaliza o vindeiro xoves, 16 de febreiro, ás 14 horas e as persoas interesadas poden anotarse de forma presencial ou por rexistro telemático na sede electrónica municipal. Para máis información pode enviarse un correo electrónico a cultura@concellodecarino.gal ou chamar ao teléfono 981 405 064.

Os premios para as comparsas divídense da seguinte forma: o primeiro será de 1.200 euros, o segundo de 750 euros, o terceiro de 300 euros e tamén haberá un premio especial ao grupo de pixíns máis divertidos, que será unha cesta patrocinada pola Asociación COMCariño.

Na categoría de adultos (persoas de 13 anos ou máis) os grupos (máis de tres persoas) optan a un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 150 euros e un terceiro de 100 euros; as parellas a un primeiro premio de 100 euros, un segundo de 50 euros e un terceiro de 25 euros; e os disfraces individuais a un primeiro de 50 euros, un segundo de 30 euros e un terceiro de 20 euros.
Por último, en categoría infantil (nenos e nenas de ata 12 anos) hai premios para os grupos, un primeiro de 90 euros, un segundo de 60 euros e un terceiro de 30 euros, e para os disfraces individuais ou en parella, un primeiro de 50 euros, un segundo de 25 euros e un terceiro de 15 euros.